Archive for Marzo, 2011

Mar 18 2011

Manifesto en defensa das Rías

Published by under Ecoloxismo

O día 16 asistín a presentación en Ferrol do manifesto en defensa das Rías. Alegrome moito escoitar tantos argumentos a prol da recuperación e defensa da costa. Este é o manifesto que alí se leu:

POLA RECUPERACIÓN DAS RÍAS. POLA RECUPERACIÓN DA NOSA COSTA

Con máis de 1.000 Km de costa de unha riqueza paisaxística e biolóxica difíciles de igualar, Galiza é coñecida en España e en Europa pola calidade dos seus mariscos e peixe. Temos calidade, e tamén cantidade. Unha gran parte da nosa economía depende directa ou indirectamente do mar e somos de toda Europa os que maior dependencia económica temos do medio mariño. De mariñeiros e mariscadoras a transportistas e conserveiras, pasando polos estaleiros … , unha parte fundamental da nosa economía está condicionada polo rendemento do noso mar.

Todo isto é unha realidade coñecida, pero tamén o é que temos as augas litorais máis contaminadas de toda Europa. Practicamente os únicos de todo o estado con zonas C (zonas onde está prohibida a extracción de marisco para o seu consumo en fresco) debido ao vertido directo das augas residuais ao mar pola falla de depuradoras, resultando escandaloso nas rías de Ferrol e A Coruña. Se hai depuradoras no Mediterráneo e practicamente en todo o Cantábrico, porqué aquí non? Pero non só é iso; As industrias contaminantes construídas á beira do mar, desde Ence até Alúmina … E ademais os recheos feitos sen ningún tipo de medidas nin control, fan que o efecto de destrución se multiplique. Se sumamos aos vertidos recheos que destrúen e actúan como barreira, o resultado é a degradación dos fondos mariños e poio tanto a perda da biodiversidade, e polo tanto do banco marisqueiro ou pesqueiro.

A grande riqueza biolóxica do noso medio mariño está cada vez máis deteriorada e en maior perigo. Ano a ano vemos como cada vez son menores os lugares de onde poder extraer marisco pola perda de bancos ou polo seu deterioro, os caladoiros de pesca están cada vez en peores condicións e algún deles desaparecidos. Todo isto é fácil comprobalo, o número de barcos de todo tipo é cada vez menor, o número de mariñeiros diminúe de ano en ano, no 2010 baixamos das 4.000 persoas adicadas ao
marisqueo a pé (hai só 10 anos eran o dobre) …

Por parte do goberno español e da Xunta a política é a mesma: cartos para desguaces, permitir ou amparar o deterioro da costa, introdución de especies foráneas como a ameixa xaponesa (resistente en medios moi deteriorados), mentres as especies propias están a retroceder …

Galiza non pode renunciar ao mar!, non podemos destruír o medio natural, ningún país pode renunciar á súa capacidade de produción, de xeración de emprego e riqueza. Podemos e debemos seguir a producir peixe e marisco de calidade e empregos dignos para o noso pobo, cunha explotación sostible dos nosos recursos.

Os asinantes esiximos do Goberno español e da Xunta de Galiza:

  • Que se rematen dunha vez as depuradoras de augas residuais (EDAR).
  • Que se comecen eliminar ou modificar aqueles recheos que ou ben xa non están en uso, ou aínda estando poden ser  modificados para recuperar o noso litoral e a capacidade produtiva do mar.
  • Que se eliminen os fangos acumulados que soterran bancos marisqueiros ou importantes zonas do noso litoral.

Porque despois de moitos anos de tirar os cartos queremos que se invistan no futuro, a recuperación non é un gasto é unha inversión, polo futuro do noso medio natural, polo futuro de Galiza e dos noso fillos e fillas. Basta xa!, recuperemos as rías!, recuperemos a nosa costa!

Para calquera consulta dirixirse ao e-mail: salvarasriasgalegas@gmail.com

Suscribo todo o que di o manifesto pero boto de menos que se fale doutro problema grave da nosa costa como a sobrepesca pero por algún lado hai que comezar. Si esta iniciativa das cofrarías de Barallobre, Ferrol e Coruña sirve para que os mariscadores e pescadores do país, ademáis de revindicar o saneamento da rías se conciencien de que a ecoloxía é o futuro do seu traballo, benvido sexa.

Subo o manifesto en PDF, para que quen queira poida descargalo imprimilo e entregalo nas cofraría cheo de firmas: Manifesto_Rias.pdf

Comentarios desactivados en Manifesto en defensa das Rías

Mar 17 2011

Presentación

Published by under Ecoloxismo,Zooloxía

Este blogue, e o seu blogue irmán Mar arriba, nacen de dúas personas fascinadas polo mar que teñen a intención de divulgar os seus coñecementos. Todas nosas inquedanzas xiran en torno o mar, e penso que hai polo mundo moita xente con inquedanzas semellantes ás nosas. Neste blogue plasmarei as miñas inquedanzas agardando que poidan resultar interesantes para alguén.

As intencións deste blog son dúas:

  1. A divulgación científica: A idea é presentar de xeito rigoroso e ameno a bioloxía mariña. Se ben, a maioría dos temas serán sobre zooloxía ou ecoloxía de animáis mariños invertebrados (Mar arriba, tratará os vertebrados), tamén serán tratados outros temas de actualidade e interese.
  2. A concienciación ecoloxista: Son ecoloxista, e penso que o primeiro paso é difundir as ideas. Intententarei tratar de xeito rigoroso temas de interese, non só relacionados co mar, e presentar ideas ecoloxistas base de xeito claro.

Agardo que as cousas que diga neste blogue sexan de utilidade, e anímovos a participar activamente nel.

Comentarios desactivados en Presentación